28/2/20

Febreiro na Biblio

Este mes de febreiro foivos ben cargadiño de actividades. Imos co repaso:

WANGARI 

Comezamos recollendo o que precisaron os alumnos e profesores de 5º de Primaria para montar a súa magnífica representación da vida de Wangari Mathai. Aquí vos deixamos un anaquiño por se non puidestes asistir a esta obra pensada para conmemorar o Día da Paz, o 30 de xaneiro.



SIMULTÁNEAS DE XADREZ

Pero en realidade a Wangari vímola o 31, porque o 30 a Biblio estaba ocupada coas partidas simultáneas entre os xogadores de xadrez do CPI Mosteiro-Meis e os dous Mestres do Clube de Xadrez Pontevedra, Pablo e David. Ademais de xogar, tivemos a sorte de que nos ensinaran algunhas estratexias.









SAN VALENTÍN

O grupo de voluntarios da Biblioteca púxose mans á obra e esmerouse especialmente coa decoración e a organización do concurso de relatos de San Valentín. Moitos e moitas foron os alumnos e alumnas que se achegaron a escribir o seu relato no recreo, piruleta mediante, e baixo a atenta e abraiada ollada do Señor Inspector.



VISITA DE ANA ALONSO

Como cada curso, tivemos a sorte de recibir a unha autora de éxito. Neste caso foi o turno de Ana Alonso, autora de Los tres peregrinos, que está lendo o alumnado de 4º de Primaria. Malia estar algo doenta, falounos da súa infancia e de como chegou a ser a escritora que é hoxe. E asinou e adicou os libros de todos. Grazas, Ana! E grazas Mar e Pilar por organizalo!




ENTROIDO

Non saímos dunha para meternos noutra... e ao abeiro das ideas dos profes de Secundaria, digamos que organizamos un concurso de Entroido, que comunicamos cun cartel que dou bastante que falar. Pero por sorte non lle caeu o pelo a ninguén... non si, Camilo e Fran? ;-)

A participación do alumnado de Secundaria foi moi alta, e ao son dos reggaetons do momento, puidemos descubrir algúns talentos ocultos do noso alumnado.




Antes diso, celebramos o primeiro gran desfile de Entroido de tódolos centros educativos de Meis.  O alumnado de Primaria foi integramente disfrazado con traxes relacionados co Proxecto Documental Integrado deste curso, sobre o tema "Auga".




Rematamos o mes recordando a Rosalía, cuxo día cadrou no medio do Entroido...



E xa andamos argallando novas actividades para o mes de marzo.

Agardámosvos para velas na Biblio!

No hay comentarios: