13/5/21

O espíritu de Xela Arias invítate a xogar no Día das Letras Galegas

Este ano o Día das Letras Galegas adícase a Xela Arias. O seu espíritu enviounos este vídeo... 



Invítavos a ler máis sobre a súa vida aquí


E a xogar a este xogo:

De ser posible, empregade auriculares. E sobre todo, recordade poñer o voso nome para que vos poidamos premiar! 
 
Cando o teñades completado, achegádevos á tenda de agasallos da entrada e dicide unha palabra en galego que non exista en castelán.
 
Aproveitamos para despedirnos cuns fermosos versos de Xela adicados ao seu fillo:
 
Tódolos bebés son tu e ningún coma ti.
Tódolos nenos son tu e ningún coma ti.
Tódolos adolescentes son tu e ningún coma ti.
Tódolos mozos son tu e ningún coma ti.
Tódolos anciáns son tu e ningún coma ti.
Tódalas nais son eu e todas, coma min,
saben que es único.

Boa sorte!

O equipo de Normalización Lingüística e de Biblioteca

24/4/21

DÍA DO LIBRO 2021

Celebramos o Día do Libro no CPI Mosteiro-Meis. 

Profesorado e alumnado adicaron os últimos días a preparar esta conmemoración con propostas moi interesantes. 



O alumnado de 1º e 2º de Educación Primaria realizou a actividade de música e lectura "Pesca o teu conto". 


En 2º de Educación Primaria, deseñaron os seus propios marcapáxinas, baseándose nas emocións. 


O alumnado de 3º de Educación Primaria encheu toda unha parede con propostas de libros respondendo á pregunta "E ti que les?"



As portas das aulas de 1º da ESO foron decoradas polos seus habitantes baixo o lema "Mi puerta, mi libro". 


Nas redes sociais da Biblioteca propuxemos este booktag para compartirmos e descubrir as nosas lecturas. Podedes atoparnos en Facebook (@bibliocpimosteiromeis) e en Instagram, Twitter e Tik Tok como @bibliomosteiro.  



E rematamos esta celebración coa entrega de premios do concurso de marcapáxinas ás gañadoras: Mencía Costas, de 5º de Educación Primaria; e Aroa e Irene Gómez Barros, de 1º da ESO. 

Este ano, seguimos lendo! 




9/3/21

8-M NO CPI MOSTEIRO-MEIS

 No 2021, malia as circunstancias que nos azoutan, volvemos conmemorar o Día Internacional da Muller no CPI Mosteiro-Meis con diferentes actividades, que se recollen no seguinte vídeo. 


Águeda, profesora de música de Educación Primaria, realizou estoutra actividade, unindo música e conciencia social, co seu alumnado. 





Ademais das actividades, propoñemos dende o equipo de Biblioteca escolar unha escolma de libros, dispoñibles no noso centro, seleccionados por niveis de lectura, sobre Feminismo e Mulleres na Historia. 








11/2/21

AS NENAS E MULLERES NA CIENCIA NO CPI MOSTEIRO-MEIS

Hoxe, 11 de febreiro, conmemórase en todo o mundo o Día da Nena e da Muller na Ciencia. Este ano decidimos propoñer ao noso alumnado un xogo de adiviña que nos fixera ademais reflexionar sobre o pouco que coñecemos as caras de científicas de renome.
Logo dun día de intriga, destapamos nomes e revelamos as biografías das científicas escollidas, e magníficamente ilustradas por Marta Riera. 


Ademais disto, expuxemos no corredor que leva á Biblioteca outros fitos científicos acadados por mulleres. 

 Nas aulas, os profesores de Bioloxía e Física e Química, Camilo Ojea e Francisco Domínguez Oubiña, xogaron co alumnado a coñecer os descubrimentos destas mulleres. 

 Unha xornada completa adicada a recordar que, tamén na Ciencia, as mulleres están presentes.

28/1/21

LIBROS PARA A PAZ

Cada 30 de xaneiro, celebramos o Día da Paz, conscientes da necesidade de recordar que seguimos na súa procura na nosa escola, na nosa comunidade, no noso país e no noso planeta.
Dende a Biblioteca do CPI Mosteiro-Meis, contribuímos a esta conmemoración cunha escolma de libros que se poden atopar no noso centro. Invitámosvos a descubrilos neste enlace.




Este ano, seguimos lendo.