23/4/16

DÍA DO LIBRO

Neste panel os nosos alumn@s reflexaron  o que para eles significa un libro, o que lles aporta a lectura, por que lles gusta ler e o que sinten cando se ven envoltos por unha boa novela.









OS LIBROS SON PARA VALENTES

   A verdade é que nunca gustei moito de todos eses discursos sobre a importancia do libro, das boas lecturas, e todo aquilo...Sempre pensei que falar da importancia da lectura era como ter que explicar a importancia de comer, de beber. De respirar.
   Porque de nada serve unha lectura se non nos atrapa. De nada serve un libro que non nos namora. Que non nos marabilla, que non nos amosa outros mundos, que non nos emociona. De que serve unha historia se non nos arrastra dentro da treboada, se non nos fai chorar ante unha vida que se apaga, se non nos fai rir ata desencaixarnos a mandíbula, se non nos arrebata, se non nos calma...? Esas son as boas lecturas, as que nos levan máis alá destas catro paredes. E eses son os bos libros, os que nos converten en mellores persoas, máis grandes, máis capaces, máis vivas.
  Todos sabemos que para cada un de nós hai un amor. Un que nos cambiará a vida, que lle dará sentido á nosa existencia, e nada máis debemos estar dispostos a ser valentes , a dar un paso adiante e dicirlle a esa persoa "Ei, ti, gústasme! Podo darche un bico?" Do mesmo xeito, eu tamén sei que para cada un de nós hai un libro. Un que nos explicará como é que funciona isto de vivir, como se sae adiante, como se avanza. Ou, polo menos como poñerlle o rabo ás cereixas...
  Para todos hai un libro. Ou dez. Ou mil. Outra cousa é que esteamos dispostos a abrilos. Que me dicides, valentes, atrevédesvos?
                                                                              Pedro Feijoo

Texto escrito  por  Pedro Feijoo  para a celebración do Día Mundial do Libro e dos Dereitos de Autor 2016.  Agasallo para as Bibliotecas Escolares de Galicia.

No hay comentarios: