30/1/12

MANIFESTO PARA O DÍA DA PAZ 2012

Safe Creative #1201270982686
Paz. Cada vez que escoitamos esta palabra, non podemos evitar relacionala coa súa contraria: guerra.
Guerra: cada vez que escoitamos esta palabra, non podemos evitar sentir certo arrepío e pensar en mortos e, tamén, en algo que nos queda moi lonxe.
Efectivamente, nun día coma o de hoxe moreas de manifestos falarán a favor da paz e rexeitarán a perda de vidas humanas que trae consigo a guerra. Nós queremos ir un pouco máis aló. A guerra non só significa unha perda irreparable de seres humanos inocentes, iso non é o único dano colateral que arrastra. Hai tamén unha perda non humana, pero tamén importante: a do patrimonio cultural. Un país en guerra é un país sen cultura, desde logo mentres dure o conflicto armado e, moitas veces, despois. A loita armada non soe ser quen de respectar a cultura do territorio onde se desenvolve, para mostra, o que sucedeu cos xacementos arqueolóxicos de Iraq durante a guerra, que quedaron totalmente destruídos, por poñer un exemplo recente. Por ir máis aló, moitas veces o bando gañador destrúe o patrimonio cultural do país, como sucedeu en Afganistán cando foi tomada polos talibáns, que decidiron voar con dinamita as estatuas milenarias dos deuses. Os dirixentes pensaron, coa súa opinión unilateral, que non hai máis cultura que a que eles queran impoñer: a cultura do burka, a cultura de que as mulleres non son quen de ter estudios, máis aló dos doce anos. Non valoran o que non comulga coa súa ideoloxía sen pensar que os bens culturais son patrimonio de toda a Humanidade. Ademais, a destrucción da cultura dun pobo é a destrucción da súa identidade. Nos últimos anos, territorios como Os Balcáns, Oriente Medio, América Latina ou África teñen visto como os seus sinais de identidade son aniquilados en sucesivos conflictos armados.
É labor dos países libres de conflictos denunciar esta situación e tentar de reparala. Afortunadamente, hoxe en día contamos con iniciativas como Bubisher, un autobús solidario encargado de levar libros aos nenos dunha das poboaciones máis castigadas: o Sáhara. A través de Bubisher, os refuxiados saharauis teñen o acceso á cultura que lles ven sendo negado desde hai anos de conflictos. Hai que curar as heridas do corpo, sí, pero tamén é importante curar ás da mente. Esperemos que sexa posible abrir unha ventá á esperanza cultural e que iniciativas coma esta prosperen e mesmo se multipliquen. Como decía o sabio grego Dióxenes Laercio: "A cultura é un adorno na prosperidade e un refuxio na adversidade". Fagámolo realidade.


No hay comentarios: